Estudantes da Unión Europea

Se procedes dun país da Unión Europea, terás dereito a asistencia médica e hospitalaria gratuíta presentando a Tarxeta Sanitaria Europea (TSE). Con esta tarxeta recibirás as prestacións sanitarias necesarias durante unha estancia temporal.

É importante ter en conta que os médicos e hospitais privados de España non aceptan a Tarxeta Sanitaria Europea, polo que, se queres recibir atención médica deste tipo, deberás abonar por conta propia os gastos ou contratar un seguro que os cubra. Se se che esquece a Tarxeta Sanitaria Europea, deberás pagar os custos hospitalarios, médicos e farmacéuticos por adiantado, e solicitar ao teu organismo de afiliación o reembolso dos gastos, sempre presentando as facturas.

Estudantes de fóra da Unión Europea

A asistencia sanitaria funciona de forma diferente para os cidadáns de fóra da Unión Europea. Suíza, Noruega, Islandia e Liechtenstein contan coas mesmas prestacións sanitarias en caso de urxencia por enfermidade ou accidente que os países membros.

No caso de Andorra, Brasil, Chile, Marrocos, Perú, Paraguai, Túnez e Venezuela, tamén teñen dereito a recibir asistencia médica e hospitalaria gratuíta en caso de urxencia por enfermidade ou accidente. Se pertences a un destes países, deberás expedir o certificado correspondente ao teu país. No caso de esquecer este certificado, terás que pagar os custos hospitalarios, médicos e farmacéuticos por adiantado, e o teu organismo de afiliación reembolsarache os gastos se presentas as facturas. Podes consultar os acordos bilaterais na web da Seguridade Social de España (http://www.seg-social.es/wps/portal/wss/internet/inicio).

Aínda que non pertenzas a ningún destes países, tamén se che atenderá en caso de urxencia. Con todo, esta atención será de pago. É por iso que é altamente recomendable contratar un seguro médico. 

En calquera caso, o mellor é informarse dos requisitos en vigor a través do organismo de afiliación.