Termos e condicións de contratación
Termos e condicións dos servizos de ESN Santiago de Compostela.
Toda persoa que se inscriba nunha viaxe, solicite a condición de socio en ESN Santiago de Compostela ou adquira unha entrada para un evento da Asociación de Estudantes de Intercambio de Santiago de Compostela, con CIF G70521240, deberá aceptar os seguintes termos e condicións.
A. Introdución
A Asociación de Estudantes de Intercambio de Santiago de Compostela, referida en diante como ESN Santiago de Compostela, é unha asociación sen ánimo de lucro que forma parte da rede Erasmus Student Network (ESN). A asociación ten como obxectivo apoiar e promover a mobilidade internacional do estudantado en Santiago de Compostela a través de diversas actividades e servizos, como a venda de viaxes, a organización de eventos e outras actividades.
O uso dos nosos servizos e a compra de produtos ou experiencias implica a aceptación dos seguintes termos e condicións.
1.1 Definicións
- ESN Card: Tarxeta de socio persoal e intransferible que acredita a pertenza á asociación.
- Viaxeiro: Socio da asociación que participe nunha viaxe.
- Responsable da actividade: Socio en calidade de persoa voluntaria encargada do funcionamento da actividade.
- Asociado: Socio da asociación; para iso debe dispoñer dunha ESN Card en vigor.
- Empresa colaboradora: Entidade coa que existe un acordo de colaboración, tal como un desconto, agasallos ou similares, ofrecido aos asociados da asociación.
B. Venda de viaxes por parte de ESN Santiago de Compostela
2. Inscrición e pagamento
2.1. Para participar nas viaxes, o viaxeiro debe ter a condición de asociado.
2.2. A inscrición considerarase formalizada unha vez recibido o pagamento completo da viaxe e a confirmación por parte de ESN Santiago de Compostela.
2.3. Os pagamentos deberán realizarse mediante os métodos habilitados por ESN Santiago de Compostela nos prazos establecidos, tales como a web https://esn-santiago.org/eventos ou a oficina de forma presencial. O incumprimento dos prazos de pagamento pode conlevar a cancelación da inscrición sen dereito a reembolso.
2.4. A moeda utilizada para o pagamento das viaxes e dos extras que puidese ter a actividade será o EURO (€).
3.1. Políticas de reembolso e cancelación
As viaxes ofertadas por ESN Santiago de Compostela NON son reembolsables, salvo nos supostos redactados a continuación:
- Cancelación do evento por parte da organización.
- Cambio substancial nas condicións do evento ou itinerario, tales como cambio de data, lugar ou actividade principal.
- Non prestación dos servizos contratados.
- Causas de forza maior, tales como emerxencias sanitarias, conflitos bélicos ou desastres naturais.
En caso de cumprirse algunha das situacións descritas anteriormente, unha persoa responsable da viaxe porase en contacto coas persoas participantes, ás que se lles deberá ofrecer un reembolso do importe total ou parcial correspondente á proporción non desfrutada da viaxe. Tamén se ofertará o cambio da actividade por outra de carácter similar, sen custo adicional por causa de devandito cambio. No caso de que a actividade ofrecida supere en prezo á viaxe cancelada, os participantes deberán aboar a ESN Santiago de Compostela a diferenza entre a viaxe cancelada pola organización e a nova actividade.
En ningún caso ESN Santiago será responsable do reembolso de calquera gasto adicional incorrido polo viaxeiro e externo ao paquete de viaxe ofertado por ESN Santiago de Compostela.
4. Responsabilidades do Participante
4.1. O Participante é responsable de contar coa documentación necesaria para a viaxe (DNI, pasaporte, visados, etc.). ESN Santiago de Compostela non se responsabiliza dos inconvenientes derivados da falta de documentación pertinente.
4.2. O Participante debe cumprir coa normativa local, os regulamentos da viaxe, e respectar o programa establecido por ESN Santiago de Compostela. Calquera comportamento inapropiado poderá resultar na expulsión da viaxe sen dereito a reembolso.
4.3. É responsabilidade do Participante comunicar a ESN Santiago de Compostela calquera condición médica, alerxia ou requirimento especial con antelación á viaxe. ESN Santiago de Compostela tentará adaptarse a ditas necesidades, pero non garante que poidan ser completamente satisfeitas. Por iso, recomendamos comunicar dita información antes da reserva de praza.
5. Condicións do aloxamento
5.1. As habitacións están reservadas durante os días indicados na información da viaxe. O check-out realizarase o último día antes da hora indicada pola organización.
5.2. A organización de ESN Santiago de Compostela efectuará o reparto de habitacións e camas antes da chegada ao aloxamento.
5.3. ESN Santiago de Compostela procurará acomodar a todos os viaxeiros conforme ás súas peticións, non sendo posible garantir o cumprimento de todas as peticións.
5.4. O prezo aboado polo aloxamento será o mesmo para todos os usuarios, sen prexuízo do tipo de habitación. Salvo que se indiquen diferentes opcións no momento da reserva.
5.5. As normas do aloxamento débense respectar en todo momento. Será responsabilidade do viaxeiro informarse delas e consultar ao responsable da viaxe sobre calquera dúbida.
5.6. Todo dano ou desperfecto causado ao aloxamento deberá ser asumido polo viaxeiro causante do desperfecto, tendo que afrontar os custos de reparación correspondentes.
5.7. ESN Santiago de Compostela non se fará responsable en ningún caso dos desperfectos causados polo viaxeiro.
6. Condicións da viaxe e dos viaxeiros
6.1. Unicamente os asociados de ESN Santiago de Compostela poderán desfrutar das viaxes realizadas, o que fai obrigatorio dispoñer dunha ESN card en vigor para poder asistir a elas.
6.2. Toda queixa ou problema producido durante a viaxe deberá comunicarse ao responsable da viaxe, quen deberá tomar unha decisión e informar á dirección de ESN Santiago de Compostela.
6.3. Cada viaxeiro debe vixiar as súas pertenzas en todo momento. ESN Santiago de Compostela non se fai responsable de roubos ou perdas de ningún obxecto.
6.4. Todas as viaxes poden ser canceladas se non se efectúan as reservas mínimas necesarias. Se isto ocorrese, procederase á devolución íntegra do importe aboado polo viaxeiro.
6.5. É responsabilidade de cada viaxeiro presentarse con puntualidade no punto de encontro indicado. Os viaxeiros están obrigados a ser puntuais á hora de saída, e durante a viaxe, nas horas estipuladas no programa. En caso de demora superior a 15 minutos sobre a hora indicada, o condutor terá dereito a arrincar o vehículo, quedando así suspendido o servizo de transporte para o pasaxeiro demorado, sen dereito a reembolso.
6.6. En caso de realizar unha devolución, enviarase unha notificación por correo electrónico ao interesado, o cal terá un prazo máximo de 15 días para responder cos datos solicitados. Non se efectuarán devolucións fóra de dito prazo.
7. Modificacións da Viaxe
7.1. ESN Santiago resérvase o dereito de modificar o itinerario, a duración da viaxe, ou calquera outro aspecto relacionado co evento, en caso de circunstancias imprevistas (incluíndo, pero non limitadas a, condicións climáticas, problemas de transporte, etc.).
7.2. En caso de modificación significativa da viaxe, ESN Santiago de Compostela notificará aos viaxeiros coa maior antelación posible e ofrecerá a opción de reembolso total se o viaxeiro decide non continuar coa viaxe.
6. Documentación requirida
Todo viaxeiro deberá presentarse coa seguinte documentación no momento do inicio da viaxe.
- Pasaporte ou documento de identidade válido con fotografía recente que permita o recoñecemento do viaxeiro.
- Visados, se se requiren, que contemplen a mobilidade por todo o itinerario proposto na viaxe.
- ESN card en vigor.
- Tarxeta sanitaria ou xustificante de cobertura médica.
- Calquera outro documento que, previo aviso, a organización requira ao viaxeiro.
A organización da viaxe resérvase a posibilidade de non permitir a participación na viaxe a calquera persoa que non leve consigo os documentos requiridos, sen dereito a reembolso.
ESN Santiago de Compostela declina toda responsabilidade no caso de que algunha autoridade denegue ao viaxeiro a concesión do visado, ben por carecer este dalgún dos requisitos esixidos, ou por defectos no pasaporte. Calquera gasto orixinado por dita incidencia correrá a cargo do viaxeiro, aplicándose nestas circunstancias as condicións establecidas para a cancelación dos servizos.
7. Exoneración de Responsabilidade
7.1. ESN Santiago non se fai responsable dos danos persoais, perdas, roubos, danos materiais ou calquera outro incidente que poida sufrir o participante durante a viaxe, salvo aqueles directamente atribuíbles a unha neglixencia grave por parte da organización.
7.2. O Participante exime a ESN Santiago de calquera responsabilidade por eventos ou situacións alleas ao seu control, incluíndo, pero non limitándose a, catástrofes naturais, conflitos sociais, decisións gobernamentais, ou calquera outro evento de forza maior.
8. Protección de Datos
8.1. Os datos persoais proporcionados polo viaxeiro serán utilizados exclusivamente para a xestión da viaxe e en conformidade coa lexislación vixente sobre protección de datos persoais.
8.2. O Participante consinte a utilización da súa imaxe e a gravación de vídeos ou fotografías durante a viaxe para a promoción de futuras actividades de ESN Santiago de Compostela, salvo que indique o contrario por escrito antes do inicio da viaxe.
9. Resolución de Conflitos
Calquera disputa que xurda en relación con estes Termos será resolta de conformidade coas leis españolas, e as partes sométense á xurisdición dos tribunais de Santiago de Compostela.
10. Aceptación dos Termos
A participación na viaxe implica a aceptación íntegra dos presentes Termos e Condicións. ESN Santiago de Compostela resérvase o dereito de modificar estes Termos en calquera momento, notificando previamente aos Participantes.
C. Adquisición de ESN Cards
1. Descrición do Servizo
A ESN Card é unha tarxeta que permite ao estudantado internacional acceder á condición de socio de ESN, así como a unha serie de descontos e vantaxes en Santiago de Compostela, no resto de España e noutros países europeos.
2. Adquisición da afiliación
A afiliación pode adquirirse a través da páxina web, no apartado ESNcard https://esn-santiago.org/esncard, ou en persoa nos nosos puntos de venda.
É obrigatorio e responsabilidade do interesado o cumprimento de todos os requisitos para a obtención da ESNcard unha vez finalizado o proceso de adquisición da afiliación exposto no punto 6.
3. Uso e Beneficios
A ESN Card é persoal e intransferible. Só o titular da tarxeta ten dereito a desfrutar dos descontos e beneficios asociados.
3.1. A Tarxeta ofrece descontos e beneficios nunha rede de establecementos e servizos afiliados a ESN, tanto a nivel local como internacional. A lista de establecementos e servizos pode cambiar sen previo aviso, estando dispoñible en todo momento a través da web esncard.org.
3.2. ESN Santiago de Compostela non garante a dispoñibilidade de descontos en todos os establecementos afiliados en todo momento.
3.3. Os termos e condicións dos descontos específicos poden variar segundo o establecemento ou servizo afiliado.
4. Validez da tarxeta
4.1. A Tarxeta ten unha validez dun ano desde a data de emisión.
4.2. A Tarxeta é persoal e intransferible. Soamente o titular pode beneficiarse das vantaxes e descontos asociados á Tarxeta.
4.3. Para que a Tarxeta sexa válida, debe estar debidamente cuberta cos datos persoais do titular.
4.4. Esta tarxeta non garante a identidade do portador e pode requirirse que se presente xunto a un documento de identidade válido.
5. Prezo
5.1. O prezo da afiliación é fixado por ESN Santiago de Compostela e está suxeito a cambios sen previo aviso.
5.2. O prezo actual da afiliación é de VINTE EUROS (20,00€) e, unha vez finalizado o proceso, farase a entrega gratuíta da ESNcard.
5.3. O pagamento da cota de afiliación deberá realizarse no momento da compra, utilizando os métodos de pagamento aceptados por ESN Santiago de Compostela.
6. Requisitos de adquisición
É responsabilidade do interesado cerciorarse do cumprimento de todas as condicións requiridas para a adquisición da tarxeta, detalladas a continuación:
6.1. Acreditar ser estudante pertencente a un programa de mobilidade internacional ou nacional en Santiago de Compostela ou Lugo.
6.2. Estar inscrito nunha universidade ou institución de educación superior.
6.3. Ter adquirido a condición de socio voluntario e formar parte da estrutura interna de ESN Santiago de Compostela.
ESN Santiago de Compostela resérvase o dereito a anular toda tarxeta cuxo interesado non cumprise os requisitos descritos.
7. Reembolso e devolucións
7.1. Non se realizarán reembolsos nin devolucións unha vez emitida a tarxeta, salvo nos casos en que a lei española o requira.
7.2. Non se realizará ningún reembolso pola perda, roubo ou deterioro da tarxeta.
8. Responsabilidade
8.1. ESN Santiago de Compostela non se responsabiliza do mal uso da tarxeta por parte do titular e/ou terceiros.
8.2. ESN Santiago de Compostela non se responsabiliza da calidade dos produtos ou servizos ofrecidos polas empresas colaboradoras. Aínda así, rogamos comunicar á organización calquera problema que se teña con calquera das nosas empresas colaboradoras.
D. Outros tipos de Eventos (Festas, visitas a museos, torneos, etc.)
4.1. Descrición do Servizo
ESN Santiago de Compostela organiza diversos eventos, tales como festas, visitas a museos, actividades culturais e deportivas, entre outros. Cada evento será debidamente anunciado a través dos nosos canles oficiais, con información detallada sobre o contido, os prezos e calquera outro aspecto relevante.
4.2. Inscrición e Pagamento
A inscrición para participar nestes eventos realizarase a través da nosa páxina web ou nos nosos puntos de venda. O pagamento, se se requirise, deberá efectuarse no momento da inscrición, ou na oficina, salvo indicación contraria.
4.3. Cancelacións e Reembolsos
- Cancelación por parte do participante: As políticas de cancelación e reembolso para eventos variarán en función de cada actividade específica. Estas políticas serán detalladas na información de cada evento.
- Cancelación por parte de ESN Santiago: No caso de que un evento sexa cancelado, procederase á devolución do importe total aboado polo participante.
E. Propiedade Intelectual
Todo o contido da páxina web de ESN Santiago de Compostela, incluíndo textos, gráficos, logotipos, imaxes, vídeos, software e calquera outro material, está protexido por dereitos de autor e outras leis de propiedade intelectual. Queda prohibida a reprodución total ou parcial do contido sen o consentimento expreso de ESN Santiago de Compostela.
F. Modificacións aos Termos e Condicións
ESN Santiago de Compostela resérvase o dereito de modificar estes termos e condicións en calquera momento. Calquera cambio será publicado na nosa páxina web e entrará en vigor inmediatamente despois da súa publicación. Recoméndase aos usuarios revisar regularmente esta sección para se manteren informados de posibles modificacións.
G. Contacto
Para calquera consulta relacionada con estes termos e condicións, podes poñerte en contacto connosco a través dos seguintes correos electrónicos:
[email protected] ou [email protected]
H. Protección de datos
A Asociación de Estudantes de Intercambio de Santiago de Compostela, coñecida baixo o nome de ESN Santiago de Compostela, en cumprimento do previsto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), así como en cumprimento da normativa estatal aplicable en materia de protección de datos, en especial da Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, informa do seguinte:
A finalidade deste formulario é a recollida dos datos estritamente necesarios para a participación da persoa interesada na actividade para a que se está a realizar dito formulario. Os datos solicitados neste caso son de natureza meramente identificativa (nome, apelidos, enderezo de correo electrónico, teléfono, número de socio), así como outros datos necesarios para o desenvolvemento adecuado da actividade, e para que esta se realice de maneira óptima cara á persoa interesada. O tratamento destes datos realízase única e exclusivamente por petición da persoa participante que se dea en cada caso. Estes datos non implican, así mesmo, ningún rexistro e, por tanto, unha vez resolta a petición, non se realizará ningunha outra actividade cos datos proporcionados. No caso de que a petición requira un tratamento adicional máis alá da súa resolución, a persoa interesada será informada desta circunstancia, así como do exercicio dos seus dereitos.
Os datos de carácter persoal que se puidesen recibir directamente da persoa interesada serán tratados de forma confidencial e quedarán incorporados aos arquivos da Asociación de Estudantes de Intercambio de Santiago de Compostela. Os datos serán conservados durante o tempo necesario para dar cumprimento á finalidade para a cal son recadados e para determinar, en caso de ser necesario, as posibles responsabilidades que puidesen derivarse da finalidade, ademais dos períodos establecidos na normativa de arquivos e documentación.
Con carácter xeral, non se comunicarán os datos aportados a terceiros, salvo estrita obriga legal, entre as que poden estar as comunicacións coas administracións públicas, de xustiza e aquelas persoas interesadas nos procedementos relacionados coas solicitudes presentadas.
A persoa interesada poderá solicitar o acceso, oposición, rectificación, supresión ou limitación do tratamento dos datos, no caso de que se dean os requisitos establecidos no Regulamento Xeral de Protección de Datos, así como na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, mediante un escrito que deberá ser presentado por vía electrónica á atención da secretaría de ESN Santiago de Compostela no enderezo de correo electrónico [email protected] ou [email protected].
ESN Santiago de Compostela, agosto de 2024
